VIII Congreso da Sociedade Galega de Calidade Asistencial

IMG-20171109-WA0001O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta mañá en Pontevedra o VIII Congreso da Sociedade Galega de Calidade Asistencial, onde puxo de manifesto que nunha sociedade que require un cada vez maior volume de recursos  sanitarios “estamos obrigados a esforzarnos na procura da calidade e da excelencia en todos os ámbitos, desde a xestión ata a asistencia cotiá”.

Este Congreso desenvólvese baixo o lema “Comunicación e responsabilidade asistencial”.

Santalices subliñou que “España e Galicia dispoñen dun dos mellores sistemas sanitarios do mundo” e así o manifestan os propios pacientes en diferentes enquisas.

Eficacia e eficiencia

Reivindicou tamén o presidente do Parlamento “a eficacia e a eficiencia do gasto sanitario público español e galego”, mérito que atribuíu ao conxunto dos profesionais. “Temos o mellor sistema sanitario, pero non o máis caro”, dixo. Recordou, neste sentido  España dedica o 6,5% do seu PIB (datos 2015) a gasto sanitario público consolidado. Galicia destina un pouco máis, o 6.8%. A media europea sitúase no 7,2% do PIB.  Pola contra, Estados Unidos, cun gasto sanitario que representa o 17,6% da renda (datos 2012), “ten un modelo con moitos máis desequilibrios”, asegurou Santalices. “Non só facemos boa medicina, senón que facemos unha boa xestión dos recursos sanitarios”, dixo.

O presidente do Parlamento animou tamén aos profesionais que participan neste congreso a coidar a comunicación co paciente. “Canto mellor sexa a relación médico-paciente maiores serán as posibilidades de éxito”, afirmou.

Recordou Santalices que á necesidade de que o persoal sanitario se manteña ao día no referido aos últimos avances científicos, se suma a importancia de mellorar as súas habilidades sociais e divulgativas para dar resposta satisfactoria á crecente demanda de información por parte dos pacientes, acentuada, entre outros factores, polo uso das TIC.