DSC_0057Unha delegación da Rada Suprema de Ucraína visitou esta mañá a sede do Parlamento de Galicia, onde foron recibidos polo titular da institución, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado pola secretaria da Mesa, Raquel Arias. A visita está organizada polo Consello de Europa e permitirá ás persoas que integran a delegación ucraína coñecer o funcionamento de diferentes institucións democráticas españolas.

Durante o encontro celebrado no despacho do presidente do Parlamento de Galicia, este explicoulles o funcionamento da Cámara galega e o Regulamento que rexe o traballo e os debates que se celebran na institución. Santalices fixo votos polo afianzamento das relacións entre España e Ucraína.

Forman parte da delegación ucraína, entre outras personalidades, Sergii Vlasenko, membro do Parlamento e xefe da Comisión de Creación do Estado, Política Rexional e Autonomía Local (xefe da delegación), Oleksii Goncharenko, membro do Parlamento de Ucraína e secretario del Comité;   Viacheslav Nehoda, primeiro viceministro de Desenvolvemento Rexional, Construción e Economía Municipal; e Kostiantyn Vashchenko, xefe da Axencia Nacional de Ucraína sobre a función pública.

Logo da reunión informativa, a delegación ucraína efectuou unha visita guiada ao Pazo do Hórreo, onde o presidente do Parlamento lles amosou as diferentes instalacións que acollen o traballo cotiá da Cámara.