Unha delegación da illa xaponesa de Shikoku visita o Parlamento de Galicia

DSC_0089Unha delegación da illa xaponesa de Shikoku visitou esta mañá o Parlamento de Galicia dentro do programa que están a desenvolver na Comunidade Autónoma para coñecer a experiencia galega de promoción do Camiño de Santiago de cara a lograr a inscrición do Camiño de Shikoku como Patrimonio Mundial.

A delegación foi recibida polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que lles explicou o funcionamento da institución e amosou, durante unha visita polas instalacións, a sede do lexislativo galego.

A visita desta delegación coincide coa chegada a Santiago da exposición “O Camiño de Shikoku”, organizado polas catro prefecturas desta illa xaponesa xunto cos rede de templos do Camiño de Shikoku, coa colaboración do Xacobeo e Turismo de Galicia. A exposición  estará aberta no Museo das Peregrinacións e de Santiago desde o 21 de xullo ata finais de setembro.

A delegación está encabezada por Akira Chiba, presidente do Consello do Camiño de Shikoku para a inscrición no Patrimonio Mundial e presidente da Federación Económica de Shikoku, e por Kyozen Obayashy, presidente do Consello dos 88 templos de Shikoku e sacerdote maior  do templo de Koyamaji.