Archivos Mensuales: abril 2017

O presidente do Parlamento recibe a unha delegación da Fundación Secretariado Xitano

DSC_0018O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu esta tarde, no seu despacho, a unha delegación da Fundación Secretariado Gitano, minutos antes de dar lectura a unha declaración institucional da Cámara con motivo da celebración, o vindeiro 8 de abril, do Día Internacional do Pobo Xitano.

Os integrantes da delegación da Fundación Secretariado Gitano seguiron a lectura da declaración institucional desde a tribuna de público do Hemiciclo. De seguido, efectuaron unha visita guiada á sede do poder lexislativo galego.

8 de abril de 2017

Día Internacional do Pobo Xitano

Declaración institucional

Con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano, 8 de abril, o Parlamento de Galicia quere sumarse a esta celebración que lembra o I Congreso xitano celebrado en Londres o 8 de abril de 1971, no que se instituíron a bandeira e o himno xitano.

Nun proceso de avance no necesario e xusto recoñecemento institucional do pobo xitano, estes símbolos poderán ser empregados protocolariamente nas conmemoracións, actos e eventos institucionais relativos ao pobo xitano, posto que o pasado 9 de marzo o Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade unha proposición non de lei pola que “o Congreso insta o Goberno a declarar o 8 de abril coma o Día do Pobo Xitano, recoñecendo a bandeira azul e verde con unha roda vermella de dezaseis radios e o Gelem Gelem como himno do pobo xitano”.

Dende os poderes públicos debemos contribuír a ese recoñecemento institucional a unha comunidade cunha historia e cultura propias, asentada en España dende hai xa máis de cinco séculos e que, con todo, segue sendo a minoría máis rexeitada socialmente tanto en España como en Europa.

Este Día Internacional do Pobo Xitano debe ser un día de celebración para os xitanos e xitanas, ao que cada vez máis debemos sumarnos as institucións e o conxunto da sociedade. É un día para lembrar a historia do pobo xitano, a súa longa e penosa peregrinaxe de expulsións ao longo dos séculos, un día para lembrar as vítimas do xenocidio nazi e de tantas persecucións ao longo da súa historia.

Este 8 de abril é unha oportunidade para recoñecer a comunidade xitana como parte da nosa cidadanía, mostrar a realidade diversa e plural do pobo xitano e poñer en valor as súas achegas á construción da nosa sociedade.

A pesar dos avances que xa se teñen producido nas últimas décadas, a comunidade xitana segue a sufrir uns niveis de pobreza e exclusión que revelan a gran fenda de desigualdade que lles impide moitas veces o pleno exercicio dos seus dereitos. Os elevados índices de fracaso escolar entre o alumnado xitano, as dificultades das persoas xitanas para accederen ao mercado laboral e a situación de infravivenda de moitas familias lastran calquera oportunidade de avance social.

A iso hai que sumar a mala imaxe social da comunidade xitana, baseada en prexuízos e estereotipos moi arraigados na nosa sociedade, que xorden moitas veces do profundo descoñecemento e que xeran situacións de rexeitamento e discriminación.

Os poderes públicos temos a responsabilidade de garantir a igualdade de todos os cidadáns, tamén dos xitanos, poñendo en marcha as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e o antixitanismo e favorecer a participación activa de xitanos e xitanas en todos os ámbitos e espazos da nosa sociedade.

DSC_0071

O 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, é unha boa ocasión para visibilizar a comunidade xitana e celebrar este día xunto cos nosos concidadáns xitanos e xitanas, e pedímoslle ao conxunto da sociedade que se sume a esta conmemoración.