Archivos Mensuales: marzo 2017

O Parlamento de Galicia presenta material didáctico orientado a educación Infantil e Primaria protagonizado polos Bolechas

DSC_0031O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou esta mañá  o material divulgativo elaborado pola Cámara para dar a coñecer a primeira institución de Galicia e os valores do parlamentarismo democrático entre as nenas e nenos galegos que cursan Educación Infantil e Primaria. O material está protagonizado polos Bolechas, dada elevada aceptación desta serie de debuxos animados entre a infancia galega.

O acto serviu tamén para divulgar o programa de visitas guiadas á sede do Lexislativo galego, unha iniciativa que o Parlamento quere potenciar, especialmente entre a comunidade escolar.

Na presentación participaron preto de 400 nenas e nenos escolarizados en centros das catro provincias galegas, que, entre outras actividades, tiveron ocasión de coñecer a sede do Parlamento de Galicia nunha serie de visitas guiadas durante as que recibiron explicacións sobre o funcionamento do Lexislativo autonómico.

A partir de hoxe, todos os centros educativos de Galicia que impartan Educación Infantil e Primaria recibirán en soporte dixital, un capítulo da serie Os Bolechas ambientado no Parlamento de Galicia e que trata de espertar o interese dos máis novos en relación cos valores democráticos e o papel central do Parlamento no sistema institucional da Comunidade Autónoma. O envío incluirá, ademais, unha guía didáctica orientada ao profesorado, pero tamén de utilidade para as familias. O material tamén se publicará na web do Parlamento, onde os máis novos terán á súa disposición material interactivo como xogos e debuxos, deseñados para familiarizar as nenas e nenos co Parlamento de Galicia.

O titular da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices Vieira, confesou  que o de hoxe foi un acto especial e gratificante.

“Entrastes pola porta que só se abre cando veñen personalidades importantes”, afirmou o presidente do Parlamento á rapazada presente, á que explicou que na Cámara se fala e toman decisións sobre cuestións que afectan a todos, como os colexios, as materias de estudo, a lingua, os hospitais ou os centros de saúde.

“Estamos encantados de que veñades ao Parlamento”, indicou Miguel Ángel Santalices Vieira, quen sinalou que o de hoxe é “un día de ledicia para todos”. O presidente que Parlamento agradeceu o labor dos mestres e mestras, ao tempo que animou a nenas e nenos a estudar, e tamén a facer unha vida sana e practicar deporte.

DSC_0049

Anuncios

Declaración Institucional 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

DSC_0025Pasaron 113 anos dende o 8 de marzo de 1904 no que 129 mulleres, encerradas para mellorar as súas condicións laborais, morreron carbonizadas, asasinadas polo seu xefe nun incendio na fábrica onde traballaban. Dende entón a loita das mulleres e do movemento feminista conseguiron que avanzásemos moito, mais estes avances aínda son insuficientes. Por iso, reivindicamos o Día Internacional das mulleres para pór o foco sobre as desigualdades que persisten e a necesidade de que a igualdade forme parte da axenda política en Galicia.

Malia ao carácter universal do dereito á igualdade, aínda son moitas as mulleres que non poden exercer os seus dereitos fundamentais como seres humanos. Moitas continúan a sufrir todo tipo de escravitude e discriminacións. Non debemos mirar para outro lado. Esta é unha loita de todas e todos nós.

No ámbito da nosa sociedade, e a pesar de que a igualdade xa é un dereito recoñecido normativamente, aínda queda moito por facer. A conciliación laboral e familiar; a corresponsabilidade dos homes nos coidados; o emprendemento feminino; a racionalización de horarios; a loita pola non discriminación; a igualdade laboral; o empoderamento; a igualdade salarial; a sensibilización dos e das menores, dos e das adolescentes; a educación en igualdade; a loita contra a trata e a explotación sexual así como todas as formas de violencia machista fan que debamos continuar traballando e esforzándonos dende todas as institucións e ámbitos sociais para chegar a unha igualdade real e efectiva.

Os cambios lexislativos aprobados nos últimos anos foron pasos á fronte na loita contra a violencia machista mais insuficientes para erradicar todas as formas de violencia e discriminación contra as mulleres. En consecuencia, este Parlamento comprométese a escoitar á sociedade civil e a analizar todas as posibilidades de mellora sobre todo o que está a fallar. Urxe avanzar na posta a disposición os recursos xudiciais, asistenciais, económicos e de protección necesarios para tentar rematar con este problema social.

Así mesmo, falar de igualdade é, sen dúbida, falar das nenas, o sector máis vulnerable do planeta xa que sofren discriminación por sexo e por idade e son vítimas de violacións dos seus dereitos. Nese senso, o Parlamento de Galicia súmase á iniciativa da loita por conseguir o cumprimento dos dereitos de nenas e mulleres e o avance da igualdade de xénero, coa ambición de que, nos próximos 5 anos, e en liña co previsto nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas, 100 millóns de nenas consigan aprender, liderar, decidir, prosperar e participar no deseño das políticas públicas que afectan ás súas vidas.

O Parlamento de Galicia quere tamén amosar o seu apoio á sociedade civil organizada na defensa da igualdade, que é o motor dos avances da sociedade cara a igualdade entre homes e mulleres, como sucedeu co día que estamos a conmemorar hoxe.

Hoxe, día 8 de marzo de 2017, no que se conmemora o día internacional das mulleres, o Parlamento de Galicia proclama o seu compromiso coa igualdade e coa denuncia de calquera acción individual ou colectiva que impida a súa materialización. Porque a loita contra a desigualdade da metade da poboación é un elemento fundamental para a consecución dunha sociedade máis xusta.

O Parlamento de Galicia súmase a conmemoración do Día Internacional da Muller

O presidente do Parlamento de Galicia, acompañado polo presidente da Xunta de Galicia e polos portavoces dos grupos parlamentarios, recibe a un grupo de alumnas do CEIP Plurilingüe Nantes (Sanxenxo), convocadas por Plan Internacional co gallo do Día InO Parlamento de Gailcia acolleu esta mañá, antes do reinicio do Pleno da Cámara, un acto conmemorativo do Día Internacional da Muller no que unha alumna do Colexio Plurilingüe Nantes, de Sanxenxo, acompañada por outras compañeiras, deu lectura ao manifesto “Por ser nena 8 de marzo”, impulsado por Plan Internacional.

O acto contou coa participación do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira; do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; dos portavoces parlamentarios do Grupo Popular, Pedro Puy, e do PSdeG-PSOE, Xaquín Fernández Leiceaga; a deputada do BNG Noa Presas, así como outras deputadas.

No acto, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou que “o Parlamento é sensible e procura colaborar en todo aquello que sexa a defensa das nenas para que teñan un mundo moito mellor”. Agradeceu a  iniciativa de Plan Internacional e anunciou que parte das súas suxestións se recollerían da declaración Institucional do Parlamento con motivo da celebración do Día Internacional da Muller. A directora de Plan Internacional tamén tomou a palabra durante o acto.

Presentación do libro que recompila os discursos parlamentarios de Alberto Núñez Feijóo na VIII Lexislatura

libro-feijoo-01_03_17_5“Para España, en xeral, pero moi especialmente para Galicia, o Estado das Autonomías foi unha aposta acertada”, segundo afirmou este mediodía o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, na presentación dun libro que recompila os discursos parlamentarios de Alberto Núñez Feijóo durante a VIII Lexislatura.

Para o presidente  do Parlamento, “a implantación e consolidación da autonomía é un éxito do conxunto da sociedade galega, sempre dona do seu futuro a través da elección democrática dos seus representantes”.

Santalices Vieira enmarcou a presentación do volume Discursos Parlamentarios de Alberto Núñez Feijóo, Oitava Lexislatura 2009-2012, o oitavo da colección do Parlamento dedicada aos presidentes de Galicia, na celebración do 35 aniversario da Cámara, unha celebración  concibida “con vocación divulgativa”.

Sobre o libro presentado hoxe, dispoñible en papel, pero tamén accesible a través da web do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira avanzou que “permitirá ao lector adentrarse  nalgunha das claves que explican a conxuntura da Galicia actual como, por exemplo, que este  Parlamento sexa arestora a única Cámara lexislativa de España que conta cunha maioría absoluta”.

A xuízo do presidente do Parlamento, “resulta incuestionable a solidez do modelo de autogoberno de Galicia, solidez acentuada pola aceptación social das diferentes institucións que o configuran, consecuencia dunha xestión que converteu a moderación en norma de conduta e fuxiu de enfrontamentos e provocacións, tan prescindibles como indesexables”.

Destacou tamén o protagonismo do Parlamento durante a Lexislatura obxecto deste libro, protagonismo derivado da tramitación de textos lexislativos de  transcendencia “nun escenario económico de enorme complexidade”, entre os que Santalices destacou os referidos á disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira ou a lei de racionalización do gasto na prestación farmacéutica.

Santalices Vieira reivindicou tamén o Parlamento como un escenario de diálogo, no que “a relación entre o poder executivo e o lexislativo non  pode nin debe ser unidireccional”. O titular do Lexislativo galego rematou a súa intervención expresando o seu recoñecemento “a cada un dos protagonistas desta colección, a todos os presidentes de Galicia”.