O Parlamento acolle a primeira xornada sobre reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibrilador semiautomático

O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a primeira xornada de formación práctica sobre reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibrilador externo semiautomático, unha actividade organizada pola Cámara Galega coa colaboración da Consellería de Sanidade, o Servicio de Cardioloxía do CHUS e a Sociedade Española de Cardioloxía para concienciar á sociedade sobre a importancia desta manobras.

Antes do inicio da xornada, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, explicou que dado que as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte en Galicia, “pareceunos oportuno enviar unha mensaxe á sociedade” en relación coa importancia de que o maior número de persoas conten con coñecementos básicos sobre como actuar ante situacións como unha parada cardíaca ou un atragantemento por por asfixia.

Animou ás consellerías de Sanidade e de Educación a impartir coñecementos deste tipo á poboación máis nova e puxo como exemplo aos países nórdicos, onde “reduciron de maneira espectacular a taxa de mortalidade” logo de implantar programas de formación en materia de reanimación. O conselleiro de Sanidade, presente no acto, avanzou que Galicia conta tamén con diferentes iniciativas neste sentido, como unha na que participan a Consellería de Sanidade e o 061 para formar aos nenos.

Santalices Viera agradeceu a colaboración do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a través do Servizo de Cardioloxía que dirixe o Dr. González-Juanatey, e da Consellería de Sanidade para facer posible a celebración da xornada na que hoxe participan 60 persoas.

 A elevada receptividade acadada por esta convocatoria, dirixida a deputados e deputadas, persoal do Parlamento e xornalistas acreditados, obrigou a organizar unha segunda xornada o vindeiro venres, 3 de marzo.

Os participantes na xornada asisten, en primeiro lugar, a unha sesión teórica impartida por persoal facultativo do CHUS para, de seguido, por quendas, realizar simulacros prácticos de reanimación e uso de desfibrilador externo semiautomático.

No día de hoxe, o Parlamento habilitou tamén un desfibrilador externo semiautomático, que quedará ubicado  nun corredor situado preto do acceso ao hemiciclo. Este equipamento súmase ao restante material sanitario dispoñible nos servizo médico da Cámara.

Anuncios