Inauguración en Vigo da II Xornada sobre “Aspectos prácticos da responsabilidade profesional sanitaria”

_lan7870“A sanidade é un dos asuntos máis presentes no traballo cotiá da Cámara autonómica”, segundo apuntou este mediodía en Vigo o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, na inauguración da II Xornada sobre “Aspectos  prácticos da responsabilidade profesional sanitaria”.
Santalices, médico de formación, valorou a achega que supoñen estas xornadas tamén para  o traballo parlamentario, “por axudarnos a poñer o foco sobre cuestións técnicas que inflúen de maneira determinante na mellora da calidade das prestacións sanitarias e por contribuír, por tanto, a centrar o debate político nas cuestións que verdadeiramente importan”.
O presidente da Cámara recordou que o Lexislativo galego está a celebrar o seu 35 aniversario, efeméride que a institución aproveitou para poñer ao dispor do conxunto da sociedade toda a producción normativa emanada dela, a través do Portal Xurídico Galego Lex.gal, posto en marcha polo Parlamento  coa colaboración da Xunta e a Universidade de Santiago. “É unha ferramenta novidosa e realmente útil, que merece a pena coñecer”.
Na súa defensa do parlamentarismo democrático, Santalices Vieira referiuse á utilidade da Cámara lexislativa, “sempre ao carón da realidade das persoas e  permanentemente disposta a escoitar a todo aquel que queira trasladar alguna proposta ou inquedanza”.
Ante un auditorio conformado por persoal facultativo, o presidente do Parlamento puxo como exemplo de norma “útil e necesaria”, a Lei 5/2015, do 26 de xuño, de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas, que cubriu un baleiro legal e atendeu unha demanda dos profesionais e dos enfermos e as súas familias.
Destacou tamén Santalices a “aposta moi intensa” que está a desenvolver o Parlamento por_lan7931 abrirse á sociedade e, neste sentido, sinalou a vía da participación,  que permite á cidadanía implicarse activamente no traballo lexislativo mediante figuras como as proposicións de lei de inciativa popular, as proposicións non de lei de iniciativa popular, a participación popular no control ao Goberno ou a posibilidade de formular propostas ou comentarios en relación cos proxectos lexislativos en trámite a través da ferramenta denominada “Lexisla con Nós” da web parlamentaria.