Conmemoración do 35 aniversario da Toma de Posesión de D. Gerardo Fernández Albor como presidente da Xunta de Galicia

O Parlamento de Galicia acolleu hoxe un acto institucional conmemorativo dos 35 anos de Autonomía  que se fixo coincidir co aniversario da toma de posesión de Gerardo Fernández Albor como primeiro presidente da Xunta autonómica para, deste xeito, poñer en valor o “papel determinante” da Cámara na estrutura institucional da Comunidade.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, sinalou que a “precariedade de medios” coa que se constituíu o Lexislativo autonómico, o 19 de decembro de 1981, nunha “sede prestada”,  “víase sobradamente  compensada pola ilusión e o compromiso autonomista dos 71 deputados e deputadas que debutaban en Xelmírez”.

Para Santalices, “Galicia mantén unha débeda de gratitude” con aqueles deputados e deputadas, e tamén con todas as persoas que foron “artífices do proceso de edificación do autogoberno de Galicia e das súas institucións, fundamentais tamén para a consolidación da democracia parlamentaria”.

Con actos como o celebrado este mediodía no pazo do Hórreo, “buscamos tamén –segundo Santalices Vieira- se que fale dos que traballaron a prol da Galicia autonómica, poñer en valor a súa xesta, e que todas as galegas e galegos, especialmente os de menor idade, se interesen pola nosa historia máis recente e polas persoas que a protagonizaron”.

A xuízo do presidente do Parlamento, o traballo destas persoas, “das máis variadas ideoloxías”, “agromou e madurou ofrecendo como froito a Galicia actual: unas institucións autonómicas sólidas que hoxe permiten exercer a nosa capacidade de autogoberno en pé de igualdade coas restantes Comunidades Autónomas de España, que nos sitúan entre os territorios con maior autonomía política de todo vello continente e que, con frecuencia, son postas como exemplo de estabilidade, confianza e bo facer”.

Recordou Santalices a figura de Antonio Rosón, primeiro presidente da Cámara e primeira medalla a título póstumo do Parlamento de Galicia, como “un dos principais construtores da nosa autonomía” e “exemplo de moderación e bo facer no exercicio do papel moderador que lle tocou desempeñar nos inicios desta institución”.

De Gerardo Fernández Albor, que hai 35 anos tomaba posesión como presidente da Xunta, Santalices Viera recordou que “asumiu a tarefa de impulsar o autogoberno de Galicia practicamente desde a nada”. “E a pesar das limitacións de aquel tempo, mesmo da desconfianza ou da indiferenza que aquela empresa suscitaba, os resultados axiña comezaron a ser visibles, como tiven ocasión de comentar con Don Gerardo esta mesma semana”.

Para Santalices, “o galeguismo que inspirou o Goberno do presidente Albor obrou un cambio certamente admirable sobre a sociedade á que servía”, e puxo como exemplo a normalización da lingua galega, a adquisición do cuartel do Hórreo para convertelo en sede do Parlamento ou  a decisión de dotar á Xunta dunha sede administrativa propia, entre outros.

“Que o exemplo de amor a Galicia profesado por Don Gerardo e por todos os homes e mulleres que co seu traballo dotaron a esta terra de Parlamento e de Goberno de seu nos ilumine e sirva de guía, agora e sempre”, rematou o presidente da Cámara.

No acto celebrado este mediodía no Salón dos Reis do Parlamento tomaron a palabra un exdeputado de cada un dos grupos parlamentarios da primeira lexislatura da Cámara galega: Camilo Nogueira Román (Grupo Parlamentario Mixto), Xerardo Estévez Fernández (Grupo Parlamentario Socialistas de Galicia) Aurelio Domingo Miras Portugal (Grupo Parlamentario Centrista de Galicia – UCD) e Tomás Pérez Vidal (Grupo Parlamentario Alianza Popular de Galicia). Entre outras autoridades, asistiu a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor.

Durante o acto proxectouse un vídeo cunha mensaxe de Gerardo Fernández Albor. A intervención de peche correu a cargo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Anuncios