O presidente do Parlamento propón a Núñez Feijóo como candidato á Presidencia da Xunta

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, proporá a Alberto Núñez Feijóo como candidato á Presidencia da Xunta de Galicia no Pleno de investidura que se celebrará en datas próximas.

O presidente do Parlamento reuniuse esta mañá, por separado, cos portavoces dos catro grupos parlamentarios representados na Cámara galega, dando cumprimento ao artigo 136.1 do Regulamento da Cámara.

Rematada a rolda de consultas cos representantes dos grupos políticos, e oída a Mesa da Cámara, o presidente do Parlamento trasladou o resultado das conversas a Alberto Núñez Feijóo, que foi proposto candidato á Presidencia da Xunta de Galicia por ter asegurado o respaldo maioritario do Hemiciclo, cos votos dos 41 deputados do Grupo Parlamentario Popular.

Paralelamente, o presidente do Parlamento comunicou á Mesa e Xunta de Portavoces o calendario previsto en relación coa investidura do presidente da Xunta  de Galicia.

Mércores, 2 novembro

 

Constitución das comisións
Venres, 4 novembro Mesa-Xunta de Portavoces, convocatoria Plenos investidura e apertura X Lexislatura
Martes, 8 novembro

 

Pleno de investidura (exposición candidato)
Xoves, 10 novembro

 

Debate e votación da investidura

(transcorridas 48h – art. 136.3º e 5º RPG)

Sábado, 12 de novembro Toma de posesión (art. 19 Lei 1/1983)

 

Martes, 15 de novembro

 

Sesión solemne de apertura da X lexislatura

Este mesmo venres, constituiuse tamén a Xunta de Portavoces da X Lexislatura do Parlamento de Galicia, na que se formalizaron os trámites previos á constitución formal das comisións, prevista para o próximo mércores, 2 de novembro.

Anuncios