XLV asamblea nacional de hemofilia en Santiago de Compostela

Miguel Ángel Santalices Vieira, afirmou na clausura da Asemblea de Socios da Federación Española de Hemofilia, que  malia a crise económica dos últimos anos, “grazas ao compromiso de todos –en primeiro lugar o dos excelentes profesionais que integran o Sistema Nacional de Saúde, pero tamén dos pacientes que souberon asumir reaxustes imprescindibles- fomos capaces de preservar un modelo que continúa entre os mellores de Europa e, por suposto, entre os primeiros do mundo desenvolvido”.

Nesta liña, argumentou que “se entre todos fomos capaces de edificar un sistema sanitario público, de acceso universal e gratuito, entre todos debemos  facer o posible por preservalo e melloralo”. Para acadar este obxectivo, a xuízo de Santalices, os responsables públicos “estamos obrigados  a traballar máis e mellor, e os usuarios a facer un uso racional dos recusos dispoñibles”.

Na súa intervención, o presidente do Parlamento valorou a achega do XXIII Simposio Médico Social e a XLV Asamblea Nacional de Hemofilia celebrados esta fin de semana en Santiago, porque actividades deste tipo –dixo- permiten intercambiar experiencias e información científica e constitúen unha experiencia enriquecedora para os enfermos de hemofilia e as súas familia.

 Desdramatizar a hemofilia

Con todo,  recordou que, na actualidade “a hemofilia xa non reviste o dramatismo do pasado”. Apuntou, nesta liña, que unha persoa hemofílica correctamente diagnosticada, co tratamento axeitado e o adestramento  necesario para o seu autotratamento “pode levar unha vida practicamente normal”.

“E confiamos en que –agregou- grazas ás investigacións en marcha, as expectativas melloren aínda máis nos próximos anos ata o punto de converter esta doenza nun cadro crónico que non limite nin a calidade nin as expectativas de vida de quen a padece”.