Archivos Mensuales: abril 2016

O presidente do Parlamento explica a web de participación cidadá a alumnado do IES Otero Pedrayo de Ourense

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou onte  nunha charla-coloquio con alumnado do IES Otero Pedrayo de Ourense, na que os convidou a utilizar as diferentes ferramentas que a Cámara galega pon a disposición dos máis novos, desde as visitas guiadas á sede da institución ata o espazo web de participación cidadá posto en marcha o pasado luns ao abeiro da recente lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá.
Santalices Vieira alentou aos estudantes que participaron na charla a coñecer e a facer uso da ferramenta de participación cidadá, pensada para que os galegos e galegas “se impliquen activamente”, ao tempo que se amosou convencido de que “seredes vós, os mozos e mozas, os principais usuarios dela”.
A web de participación cidadá do Parlamento permite participar na elaboración das leis que se atopan en tramitación na Cámara, pero tamén propoñer preguntas para que os grupos parlamentarios as trasladen á Xunta, ben en forma de pregunta oral, en Pleno ou en Comisión, ou como pregunta de resposta escrita.
Esta web  tamén permite exercer o dereito de petición perante o Parlamento de Galicia, un dereito garantido na propia Constitución e que neste caso se canaliza a través da Comisión de Peticións.
“Asegúrovos, como deputado con experiencia, e como presidente da Cámara, que todas as achegas son benvidas e estudadas con interese, e que as portas do Parlamento están sempre abertas para quen queira achegarse a el e coñecelo”.
Explicou o presidente do Lexislativo galego que a comunidade educativa ten a súa disposición un programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia que inclúe todo tipo de explicacións sobre o funcionamento da Cámara, e mesmo permite que os participantes se podan acoller a un desconto se efectúan ese desprazamento en ferrocarril. Animou ao estudantado a participar neste programa, no que as inscricións se poden efectuar por teléfono ou a través da páxina web do Parlamento.
Xunto con Santalices, participaron nesta iniciativa o presidente da Asociación de Ex Parlamentarios/as do Parlamento de Galicia, Jesús María Fernández Rosende; o vicepresidente da mesma, Alberte Xulio Rodríguez Feixóo; e o vogal Ismael Rego González. Foron presentados polo director do IES Otero Pedrayo, Juan Antonio Saco Rivera.