Archivos Mensuales: marzo 2016

Toma de posesión de dous novos membros do Consello de Contas

 

 

O Parlamento de Galicia acolleu o 9 de marzo de 2016 a toma de posesión de Beatriz Rodríguez Fraga e Constantino Carreiras Souto como membros do Consello de Contas de Galicia, un acto que contou coa asistencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que coa toma de posesión destes dous novos membros do Consello de Contas se completa a “total renovación” do órgano de control e fiscalización externa do sector público autonómico, posto en marcha en 1991.

Un cuarto de século despois, apuntou Santalices, o Parlamento de Galicia optou por “reforzar as competencias do Consello de Contas e fortalecer a independencia dos seus membros”, como queda acreditado coa renovada composición do mesmo. Subliñou que, por vez primeira na historia do Consello de Contas, “hai maioría de mulleres, unha realidade da que nos congratulamos e que pon de manifesto que o avance en materia de igualdade de xénero é un camiño sen retorno”.

Referíndose á recente reforma da Lei do Consello de Contas, Santalices Vieira destacou que “constitúe un avance especialmente significativo” para reforzar as competencias deste órgano, “e moi especialmente en materia de prevención da corrupción”. Dixo que os cidadáns esixen respostas “e desde o poder lexislativo, as respostas deben ter forma de leis”. “Así se fixo no conxunto de España –aseverou-, e así o fixemos en Galicia, onde un amplo paquete lexislativo –a piques de ser completado- nos permitiu dar pasos especialmente significativos ata o punto de situarnos na vangarda do Estado nesta materia”.

O presidente da Cámara lexislativa galega recordou que coa reforma desta lei tomaron corpo as suxestións formuladas por varios cos comparecentes na Comisión de Estudo da Prevención da Corrupción, creada no seu momento neste Parlamento, e na que se puxo como exemplo o “acertado modelo implantado en Portugal”.

Santalices Viera valorou tamén a decisión adoptada polo poder lexislativo galego que, “lonxe de caer na tentación de eliminar ou cuestionar a utilidade deste tipo de órganos de control externo, potenciou o seu Consello de Contas, blindou a súa independencia e dotouno de competencias específicas para a prevención da corrupción, servíndose da elevada capacitación profesional do seu cadro de persoal. E evitou, ao tempo, a creación de novas estruturas administrativas que implicasen un custe adicional para as arcas públicas”. Ao seu xuízo, “unha vez máis, Galicia tomou a senda correcta”.

Xornada conmemorativa dos 25 anos do Sergas

Nas actividades organizadas con motivo do 25 aniversario do Sergas, desenvolvéronse dúas mesas redondas, unha  sobre Aspectos teóricos dos cambios organizativo- asistencial ocorridos nestes 25 anos: acertos e erros,  na que participaron Enrique Castellón, Vicente Ortún-Rubio e Alberto Juffé. A outra mesa redonda celebrada versou sobre Vivencias personais de actores directos dos cambios, na que participaron o primeiro xerente hospitalario nomeado polo Sergas para o Hospital de Vigo e actual presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; tamén participaron Mercedes Carreras, que dirixiu os cambios organizativos desde a Dirección de Enfermería do Chuac no ano 1991; e Manuel Devesa, xefe de servizo de Atención Primaria, que participou na transformación de APD ao actuais equipos de Atención Primaria, e foi directivo de SEMG.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, afirmou que as medidas de xestión postas en marcha nos últimos 25 anos permitiron “de xeito sustentable ir mellorando tanto a asistencia prestada aos cidadás como o contorno de traballo dos nosos profesionais”. En definitiva, non só manter senón mellorar os indicadores de produtividade e rendemento do conxunto da organización.

Os presidentes do Parlamento e da Real Academia Galega analizan posibles proxectos de colaboración entre as dúas Institucións

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e mailo titular da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo na que analizaron posibles iniciativas de colaboración entre as dúas institucións, logo do éxito acadado pola mostra 51 páxinas das nosas letras, organizada coincidindo co 50 aniversario do primeiro Día das Letras Galegas.

A mostra itinerante 51 páxinas das nosas letras está integrada polas Medallas das Letras Galegas –obras de Siro López e Manuel Ferreiro Badía e pertencentes á colección de arte da Cámara galega–, un vídeo sobre a historia do Día das Letras Galegas elaborado pola Xunta e textos divulgativos sobre os autores homenaxeados, elaborados por académicos da RAG.

Tamén estiveron presentes na reunión:
Henrique Monteagudo, Secretario, Rosario Álvarez Blanco, Tesoureira e Andrés Torres Queiruga, Vicesecretario.

Un grupo de sete bolseiros comeza a súa formación práctica no Parlamento de Galicia

Este grupo comezou o día 2 de marzo a súa estadía na Cámara, que se prolongará durante os vindeiros 12 meses. Tres das persoas titulares destas bolsas de formación práctica desenvolverán tarefas de arquivo, biblioteca e documentación, dúas en publicacións, unha en comunicación institucional e outra en xestión parlamentaria.

Esta é a sexta convocatoria de bolsas do Parlamento de Galicia para a formación práctica de persoas en posesión dun título de grao ou licenciatura universitaria.

As bolsas para a formación práctica de universitarios na Cámara galega enmárcanse nun protocolo asinado entre o Parlamento de Galicia e as tres universidades galegas en maio de 2010.

A actividade formativa que os bolseiros desenvolven na Cámara galega está tutelada polos responsables e demais persoal técnico das unidades do Parlamento de Galicia ás que son asignadas as persoas seleccionadas en cada convocatoria.

Noraboa por ter resultado seleccionado!