14 de novembro, Día Mundial da Diabetes

Como portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario Popular, teño a ben facer esta aportación, na celebración do Día Mundial da Diabetes, 14 de novembro.

O 14 de novembro celébrase o Día Mundial da Diabetes. Neste marco, queremos unirnos e facer noso o eslogan deste día “Deteñamos a epidemia da diabetes”.
Somos conscientes de que a diabetes constitúe un auténtico reto de saúde pública. Segundo cifras oficiais, este ano cerca de 400 millóns de persoas en todo o mundo padecen esta enfermidade e os expertos recoñecen que esta cifra pode elevarse hasta os 600 millóns nos próximos 20 anos. Por outra parte, cerca de 5 millóns de persoas faleceron o ano pasado no mundo como consecuencia de complicacións desta enfermidade.
En Galicia, o 8% da poboación, uns 220.000 habitantes, é diabética. A maioría dos casos asociados a sobrepeso ou obesidade. As cifras non se quedan aquí, xa que se estima que o redor do 12% da poboación galega é prediabética, o que indica que requiren xa algún tipo de tratamento e que desenvolverán a enfermidade nun futuro próximo.
O control desta enfermidade e, sobre todo, a súa prevención supón, por tanto, un auténtico reto para os profesionais e institucións sanitarias pero, sen dúbida, debemos tomar unha actitude aínda máis proactiva se cabe para poder reverter esta situación. O lado positivo, e o realmente importante, é que se trata dunha enfermidade que se pode previr.
Estímase que un estilo de vida saudable pode evitar o desenrolo de diabetes tipo 2, a máis frecuente.
O desenvolvemento da diabetes está estreitamente ligado ao sobrepeso e a obesidade, factores que incrementan de maneira notable o risco de enfermidades cardiovasculares e tumorais. A prevención de sobrepeso e obesidade é clave nas políticas de saúde pública.
Debemos continuar centrando os nosos esforzos no fomento de hábitos de alimentación e de vida saudables desde a infancia. Este é un alicerce fundamental para frear o aumento da prevalencia da diabetes.
Garantir a saúde de futuras xeracións a través da promoción de hábitos de vida saudable e a prevención de enfermidades como a diabetes significa, ademais, dar un paso importante na sostenibilidade a longo prazo do noso sistema sanitario.
A diabetes ha de ser abordada desde a óptica dun traballo realista que aborde a incidencia desta patoloxía en Galicia.
Tamén temos que ser conscientes de que a formación continuada dos nosos profesionais é fundamental para abordar esta patoloxía de xeito eficiente, facendo un especial fincapé na poboación infantil, tanto a nivel educativo como de prevención da enfermidade.

Anuncios